autismogalicia.org

  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
  • Español
  • Galician (Galego)

Inauguración da exposición “Dun muro das mentiras a un muro da inclusión” no Parlamento de Galicia

Correo-e Imprimir PDF

Inauguración da exposición “Dun muro das mentiras a un muro da inclusión” no Parlamento de Galicia

Co motivo da celebración do Día Mundial da Xustiza Social, as representantes da Federación Autismo Galicia estivemos no Parlamento de Galicia na inaguración da exposición “Dun muro das mentiras a un muro da inclusión”.

No acto estiveron presentes o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, a vicepresidenta de EAPN Galicia-Rede Galega contra a Pobreza, Mónica Permuy, e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, acompañados de deputadas e deputados de diferentes partidos políticos, ademais de membros de entidades que conforman a Rede Galega contra a Pobreza.

Esta exposición consta de dous muros que recollen tanto mensaxes negativas que reflicten estereotipos como tamén propostas de inclusión identificadas por persoas en risco de pobreza ou exclusión que participaron no último Seminario Galego de Cidadanía Inclusiva. En palabras de Mónica Permuy “Nos últimos meses estamos bastante alertados co incremento de situacións de odio, de discriminación, o que se entende por aporofobia, o odio ás persoas que están en risco de pobreza e exclusión”. Por iso, engadiu a vicepresidenta de EAPN Galicia, “é importante o compromiso das deputadas e deputados galegos para evitar a disgregación das persoas en situación de pobreza”.

Pola súa banda, o Conselleiro apuntou durante a súa intervención que aínda que estamos nun momento de recuperación económica “aínda temos moitos pasos para acadar esa igualdade de oportunidades de todas as persoas, temos que aproveitar esa recuperación para seguir incrementando as nosas políticas e actuacións”.

 

O acto rematouno o Presidente do Parlamento quen expresou que a institución que representa ten que apoiar e garantir o benestar das persoas e lembrou que “aínda que temos un estado de benestar social avanzado debemos que reflexionar porque hai datos que falan de 800 millóns de persoas que só teñen un 1,5 dólares para vivir diariamente”.

Durante a exposición tamén se fixo referencia á Declaración Institucional contra o contra o odio e a intolerancia ás persoas en pobreza ou exclusión aprobado por unanimidade no pleno do Parlamento de Galicia o pasado Día para a Erradicación da Pobreza.

A mostra “Dun muro das mentiras a un muro da inclusión” estará exposta no vestíbulo do Parlamento durante esta semana.


Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se non cambia a configuración do seu navegador, Vostede acepta o seu uso. + INFO.