autismogalicia.org

  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
  • Español
  • Galician (Galego)

Ames únese ao proxecto de accesibilidade cognitiva de Autismo Galicia coa colocación de 521 pictogramas na contorna urbana

Correo-e Imprimir PDF

 

Cristina Couto, psicóloga de Autismo Galicia, a concelleira de Sanidade do concello de Ames, Luisa Feijóo e Susana Soto, Traballadora Social de Autismo Galicia, dende a esquerda

 

 

Os edificios públicos do concello de Ames serán, a partir de hoxe, máis comprensibles para as persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) grazas ao programa de accesibilidade congnitiva promovido pola Federación Autismo Galicia e que suma máis de 2.000 pictogramas colocados en toda a Comunidade.

 

Desta forma os dous principais núcleos de poboación, Milladoiro e Bertamiráns contan desde este xoves con 521 pictogramas nos espazos e zonas máis emblemáticas do municipio. Son os seguintes:

Bertamiráns: Casa do Concello, Casa de Cultura, Servizos Sociais, Biblioteca, Piscina Municipal A Telleira, Pavillón deportivo de Bertamiráns

Milladoiro: Oficinas Xerais e Servizos Sociais, Casa de Cultura, Pavillón deportivo
Biblioteca Municipal

Recordamos que as persoas con TEA son pensadores visuais, polo que comprenden mellor a información que se lle presenta de forma visual. Por iso, para facer a súa contorna máis accesible utilízanse os pictogramas, que son debuxos sinxelos que representan obxectos e accións de xeito simplificado. Ademais, esta anticipación con imaxes favorece a comprensión tamén de persoas con dificultades cognitivas como persoas maiores, estranxeiros e a calquera persoa que poida ter dificultades de comunicación.

Cristina Couto, responsable do Área de Programas e dúas técnicas da Federación Autismo Galicia foron as encargadas da colocación destes pictogramas que se estenderá ao longo do día de hoxe e mañá venres, contando en todo momento co apoio e a implicación do concello de Ames, concretamente da concellería de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e da súa concelleira Luisa Feijóo.

Por outra banda, o sábado, 20 de maio, terá lugar tamén no concello de Ames unha xornada sobre Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), na que se darán a coñecer os resultados dun estudo, levado a cabo polo investigador da Universidade de Santiago de Compostela, Marcos Pinaque, sobre o grado de implicación socioeducativa das persoas con TEA na provincia da Coruña.

Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se non cambia a configuración do seu navegador, Vostede acepta o seu uso. + INFO.