autismogalicia.org

  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
  • Español
  • Galician (Galego)

“As barreiras só existen nas mentes”, asegura o conselleiro de Política Social aos participantes nun programa de formación

Correo-e Imprimir PDF

Os nove mozos  que participaron no programa ‘Formación Prelaboral e Habilidades da Vida Diaria’ posto en marcha por Autismo Galicia e Aspanaes Ferrol ao abeiro da Xunta de Galicia recolleron onte en Santiago da man do conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, o seu diploma acreditativo.

 

 

Os mozos de Aspanaes Ferrol que particiaron na formación xunto co conselleiro. Abaixo o público asistente ao acto

 

Neste programa de preparación para a vida laboral participaron un total de  265 persoas con discapacidade de ata nove entidades galegas para os que a Xunta de Galicia destinou preto de 400.000 euros.

Durante o emotivo acto o conselleiro de Política Social destacou que o obxectivo da Xunta de Galicia é “que as persoas que máis o precisan, melloren a súa calidade de vida a través da mellora das súas habilidades e da incorporación ao mundo laboral”. Así mesmo, Rey Varela engadiu que “esta meta será froito do traballo en común co resto de administracións así como coas entidades sociais de Galicia, porque elas son as que mellor coñecen a realidade das persoas con discapacidade”.

O titular autonómico agradeceu tamén o esforzo, tenacidade e traballo dos participantes nos proxectos. “Sodes todo un exemplo de superación, amosades cada día que sodes unha parte fundamental da sociedade cos mesmos dereitos, deberes e oportunidades e que as barreiras só existen nas mentes”, asegurou Rey Varela.

A orde mediante a cal se subvencionaron estes proxectos, enmárcase na Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020. Particularmente, esta actuación inclúese na liña estratéxica de formación e emprego, e incorpora de maneira transversal a perspectiva de xénero. A Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020, dirixe os seus esforzos cara os aspectos considerados clave para avanzar na consecución da igualdade real das persoas con discapacidade e a súa inclusión social.

Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se non cambia a configuración do seu navegador, Vostede acepta o seu uso. + INFO.