autismogalicia.org

  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
  • Español
  • Galician (Galego)

Asperga abre en Santiago o primeiro Punto de Encontro específico para persoas con Asperger

Correo-e Imprimir PDF

Dende principios de ano a Asociación Asperga conta cun Punto de Encontro en Santiago de Compostela, onde se atende as necesidades das persoas con Síndrome de Asperger (SA) e das súas familias. Ludena Fernández Fernández, vogal desta asociación, explica que é un espazo onde as persoas con SA non son xulgadas e poden sentirse comprendidas o que “beneficia as súas habilidades sociais, a súa autoestima e a adaptación á contorna”. Pola súa banda os pais poden estar cómodos para falar sobre aquelas cousas que noutros sitios non se entenderían con facilidade. “A miña experiencia persoal na asociación é a de atopar un grupo de persoas que entenden as dificultades, alegrías, que son moitas tamén, e retos aos que me enfronto a diario”, asegura Ludena Fernández.

 

 

Ludena Fernández Fernández, vogal de Asperga en Santiago, á esquerda, xunto Nieves Pombo Otero, voluntaria que atende no Cabes

 

 

Quen pode acceder aos servizos de Asperga en Santiago e comarca?

Ante calquera demanda de información primeiro búscase facer unha orientación á familia ou persoa que se aproxima á asociación. Despois, con toda a información xa, cada cal elixe libremente si se asocia para poder optar a todos os servizos ou si non o fai nese caso, o acceso aos servizos é inevitablemente máis reducido. En calquera caso, a información, orientación e asesoramento é gratuito e non hai ningún requisito. Á hora de facerse socios si é preciso diagnóstico. Na propia asociación hai un Servizo de Diagnóstico aberto a calquera interesado. De querer colaborar coa asociación tanto no persoal como no económico sen ser socio, hai distintas opcións, desde converterse en socio colaborador ata prestarse como voluntario.

Están cubertas as necesidades das persoas con SA en Santiago?

Calquera especialista de calquera ámbito vai tratar con alguén con Síndrome de Asperger. É o primeiro a ter en conta. É un trastorno bastante frecuente (varía segundo os estudos pero poderiamos dicir que entre 3 e 7 de cada 1000 é unha das proporcións máis aceptadas) pero invisible externamente polo que unha comprensión do que supón a Síndrome de Asperger na persoa e como se manifesta debería ser primordial nos ámbitos antes citados.
As necesidades realmente non están cubertas. Nesta época na que se alude a problemas económicos para xustificar a escaseza de servizos, atopámosnos con que as asociacións acabamos tendo que facilitar o que debería facilitarse desde o ámbito público ou polo menos cunha maior colaboración pola súa banda. Isto debería levar a un apoio por parte da Administración Pública a todas as asociacións que estamos colaborando a que as persoas que non reciben os seus correspondentes servizos teñan a opción de acceder a eles máis fácilmente.

En canto á sensibilización social, como cres que recibe a sociedade compostelana ás persoas con Asperger?

En Santiago concretamente e pese ao pouco tempo que levamos como punto de atención, xa experimentamos ese entendemento cara ás nosas circunstancias que nos facilita moitísimo a vida. Temos que agradecer a todos os profesionais da educación e a sanidade que buscan formarse ou informarse sobre a síndrome, aos centros socioculturais que nos brindan un apoio incrible e nos abren as portas a contactar cos distintos barrios de Santiago, aos profesionais de moi diversos ámbitos que se preocupan de entender as diferenzas dos nosos asociados e a todas as familias que serven de apoio e buscan dar a coñecer o mellor xeito de lograr unha comprensión do Asperger.

Cantos usuarios atendende Asperga en Santiago?

Contamos con ao redor de 20 usuarios ao noso Programa de Habilidades Sociais, 5 no noso servizo de intervención individual e numerosas familias ás que prestamos servizos de asesoramento, lecer e información. Con todo, a crecente demanda na zona fainos esperar que esta demanda sexa cada vez maior.

Cales son as previsións de actividades para este ano?

Está previsto ofrecer un encontro de familias mensual. O primeiro xa o realizamos o sábado pasado resultando moi satisfactorio. A el asistiron 15 familias e aproveitouse para facer consultas descubrindo moitas opcións que descoñecían. En futuros encontros irá variando a temática dos mesmos para intentar ir dando resposta a todas as inquietudes das familias. Antes do verán tamén hai programadas distintas opcións de lecer (safari fotográfico, actividades deportivas, visitas a museos e científicas). Igualmente infórmase a todos os usuarios de todas as opcións que teñen dispoñibles noutros puntos de Galicia

 

ASPERGA en Santiago de Compostela

Localización: edificio CABES (Casa de Asociacións de Benestar Social) en Salgueiriños.

Rúa Manuel María 6, 3ª planta, despacho 3

Teléfono: 698 17 06 22

Correo electrónico: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Pag web de referencia: www.asperga.org

Facebook: @AspergaAsociacion

Twitter: @AAsperga

Atención: Santiago e comarca.

Horarios: De asistencia presencial no CABES de luns a venres de 11:30 a 13:30.

Posibilidade doutros horarios previa consulta.

Para poder atender a quen se achegue con comodidade é necesaria cita previa.

Persoal: Conta con catro persoas

 

 

SERVIZOS:

Servizo de información, orientación e asesoramento. Asesoramento presencial e telefónico a familias e profesionais acerca da síndrome, pautas de actuación, recursos, trámites, etc., adaptadas a cada caso particular.

Servizo de intervención psicolóxica individual. Atención psicolóxica a persoas con síndrome de Asperger de todas as idades, para traballar de xeito individual aquelas áreas nas que se presentan dificultades.Tamén prestamos este servizo ás familias, orientándolles na adopción de pautas adecuadas para a solución de problemas do día a día e apoiando na superación de obstáculos que en ocasións se presentan.

Programa de desenvolvemento de habilidades sociais. O noso Programa de desenvolvemento de habilidades sociais consta de 8 bloques ou módulos, nos que se traballarán diferentes aspectos da interacción e comunicación, así como ao manexo das emocións e a autoestima. En Santiago dispoñemos de 4 grupos funcionando, con usuarios desde os 6 aos 30 anos.

Servizo de lecer. Ofreceranse actividades de lecer para os usuarios algunhas das cales xa están programadas para a súa realización previa ao verán, abordando así a xeralización das habilidades sociais ás diferentes contornas nos que as persoas se desenvolven.

Servizo de apoio a familias (encontros de familias). Reunións mensuais cunha dobre finalidade; por unha banda, informar ás familias no manexo de problemáticas usualmente presentes, e por outra, compartir experiencias; co que se pretende traballar diferentes habilidades, recursos e fortalezas que axuden a diminuír o estrés persoal e contribuír con iso a mellorar a calidade de vida familiar.

Atención educativa, charlas a profesionais en centros educativos. Informar acerca de pautas de intervención con alumnos con síndrome de Asperger no ámbito educativo, tanto en referencia a dificultades sociais, como de aprendizaxe ou conductuais a través de charlas grupais destinadas aos profesionais do centro educativo. Realizado a petición do propio centro.

Outros. Separadamente destes servizos, todos os socios, con independencia da súa procedencia, poden acceder aos servizos de calquera sé ou punto de atención da asociación. Na sé da Coruña dispóñense de máis servizos que, en función da demanda existente, poderán irse ampliando en Santiago de Compostela nun futuro (logopeda, terapeuta ocupacional, traballador social, programación)

Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se non cambia a configuración do seu navegador, Vostede acepta o seu uso. + INFO.