autismogalicia.org

  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
  • Español
  • Galician (Galego)

As entidades asinan co goberno os convenios de discapacidade 2016

Correo-e Imprimir PDF

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que, por terceiro ano consecutivo, a Xunta volve incrementar o orzamento destinado á atención á discapacidade, que desde 2014 ascendeu un 24% ata acadar os 94 millóns de euros. O obxectivo, segundo aseverou, é construír un modelo de sociedade no que a integración non sexa entendida como unha simple asimilación desta realidade social, senón como un recoñecemento ás capacidades de cada persoa.

Foto de familia das entidades de discapacidade o presidente da Xunta de Galicia

Antonio de la Iglesia, segundo pola dereita, asinando

Durante a sinatura dos convenios nominativos coas entidades de discapacidade, entre elas a Federación Autismo Galicia, representada polo seu presidente, Antonio de la Iglesia, Feijóo afirmou que Galicia quere ser un exemplo dentro da sociedade moderna de protección social, destacando así o traballo que desempeñan asociacións como Fegerec e Aspaym e as representadas a través do CERMI.

Máis polo miúdo, afirmou que estes convenios teñen como obxectivo contribuír a promover a integración social e laboral das persoas con discapacidade; favorecer o seu desenvolvemento persoal e a súa autonomía; desenvolver accións encamiñadas a mellorar a súa calidade de vida; orientar e apoiar as persoas con discapacidade e as súas familias e coidadores; e impulsar a formación e a investigación para o tratamento da discapacidade.

O titular da Xunta garantiu que o benestar das persoas dependentes ou cunha discapacidade será sempre un obxectivo prioritario na acción do Goberno galego. E, nesta liña, destacou a posta en marcha da Estratexia galega sobre a discapacidade 2015-2020, que contén 460 medidas para mellorar a atención á discapacidade desde ámbitos de actuación concretos e vitais; a autonomía persoal; a educación, co fin de que dispoñan dunha aprendizaxe e formación permanente en igualdade de condicións que o resto da poboación; a formación e o emprego, para favorecer o seu acceso ao mercado de traballo; e a saúde, para ofrecerlles unha asistencia sanitaria específica.

Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se non cambia a configuración do seu navegador, Vostede acepta o seu uso. + INFO.