autismogalicia.org

  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
  • Español
  • Galician (Galego)

Autismo

Correo-e Imprimir PDF
Que son os TEA?

Os trastornos do espectro do autismo (TEA) son alteracións do desenvolvemento de diversas funcións do sistema nervioso central, que se caracterizan pola presenza de dificultades específicas nas áreas social, comunicativa e cognitiva.

As persoas que presentan estes trastornos manifestan, en maior ou menor medida, as seguintes características:

Déficits na comunicación e a linguaxe:

  • Dificultades na comunicación verbal e non verbal, que pode abarcar desde a comunicación pouco intencionada, pasando por alteracións no contacto visual e na linguaxe corporal, ou déficits na comprensión e uso da comunicación non verbal, ata a falta total de expresións ou xestos faciais.

Déficits na interacción social:

  • Atraso no desenvolvemento de habilidades socias, podendo presentar dificultades para manter relacións, comportamentos non axeitados en diferentes contextos sociais, dificultades para compartir xogos, ausencia de interese polas persoas.
  • Dificultades na reciprocidade social e emocional, que se pode manifestar dende un achegamento social anormal, unha incapacidade para manter unha conversa, podendo pasar pola reducción de intereses, emocións e afectos compartidos, ata a ausencia total de iniciativa na interacción social.

Patróns de comportamento, intereses ou actividades restrinxidas e repetitivas:

  • Comportamento estereotipado ou repetitivo (manipulación repetitiva de obxectos, movementos corporais repetitivos, etc.)
  • Excesiva fixación coas rutinas e resistencia ao cambio (insistencia en tomar os mesmos alimentos, xogar sempre co mesmo obxecto, etc.).
  • Intereses altamente restritivos e fixos de intensidade desmesurada (forte preocupación por obxectos inusuais, etc.).
  • Hiper ou hipo reactividade aos estímulos sensoriais ou inusual interese en aspectos sensoriais da contorna (alteración dos limiares da dor/calor/fría, resposta anormal cara a sons/texturas/cheiros, etc.).

O grao de afectación de cada individuo é moi variable, polo que se fala de “espectro”, é dicir, de diferentes graos de alteración. Dentro dos Trastornos do espectro autista inclúense: o trastorno autista, o trastorno de Rett, o trastorno desintegrativo infantil, o trastorno de Asperger e o trastorno xeneralizado do desenvolvemento non especificado (autismo atípico).

Na actualidade, a nova edición do Manual Diagnóstico e Estatístico de Trastornos Mentais da Asociación Americana de Psiquiatría (DSM-5), que serve para clasificar os trastornos e establecer os criterios de diagnóstico en todo o mundo, está a modificar a clasificación e os criterios diagnósticos destes trastornos.

Saber máis sobre o DSM 5

Causas

As causas que provocan os TEA aínda están por dilucidar, non se trata dunha causa biolóxica única, senón que hai que considerar unha etioloxía multifactorial, e dicir, unha combinación de posibles factores xenéticos, neurolóxicos, inmunolóxicos, perinatais, neuroanatómicos e bioquímicos determinantes da súa patoxéneses.

Prevalenza

Estudios consensuados internacionalmente, establecen a prevaleza de 25 persoas con TEA por cada 10.000 cidadáns adultos e 1 caso de TEA por cada 150 nenos en idades escolares.

Diagnóstico

Unha detección precoz dos TEA é de gran importancia xa que está demostrado que unha intervención e tratamento temperáns van repercutir moi positivamente na evolución das persoas atendidas e nas súas familias. Para conseguir isto, os/as profesionais que están en contacto cos/as nenos/as (pediatras, educadores/as…) han de estar moi sensibilizados/as e dispor da información adecuada para poder detectar calquera sinal de alarma.

Os signos detectados non nos indican que despois se desenvolverá un funcionamento autista pero é importante detectalos para comezar unha atención adecuada.

O diagnóstico do autismo é moi complexo de levar a cabo, xa que é un trastorno sen marcadores físicos e neurolóxicos específicos, ademais de ser unha síndrome con tantas diferencias individuais que non existe un patrón típico de evolución clínica.

Normalmente cando o/a pediatra ou o/a educador/a detectan o problema, derivan aos familiares a un/unha neuropediatra que se encargará de realizar probas diagnósticas ademais de solicitar un informe específico dun equipo de valoración e diagnóstico. Este equipo será o encargado de levar a cabo posteriormente unha intervención multidisciplinar que incluirá ao/á neno/a, á familia e á contorna.

Intervención e tratamento

Unha intervención precoz é a mellor esperanza de futuro das persoas con TEA, unha atención temperá orientada a mellorar os síntomas esenciais do comportamento autista proporcionaralles , e tamén a súa familia, múltiples e importantes beneficios. Un bo programa de intervención precoz terá vantaxes como:

  • Ofrecerá a terapia necesaria para potenciar os seus puntos fortes, ensinándolle novas habilidades, mellorando os seus comportamentos e remediando as áreas de debilidade.
  • Proporcionará información as familias, permitíndolles comprender mellor o comportamento e as necesidades das persoas con TEA.
  • Ofrecerá recursos, apoios e adestramento para traballar e xogar.
  • Mellorará o rendemento global.

Por estas razóns, o programa de intervención deberase implantar o antes posible despois do diagnóstico.

Como consecuencia da diversidade de características individuais, niveis de funcionamento, discapacidades asociadas, e diferentes posibilidades dos entornos, a planificación do tratamento debe ser individualizada. O plan de apoio debe ter en conta tanto as necesidades humanas xenéricas, como as necesidades especiais causadas polo trastorno.

Para que as persoas con TEA poidan desenvolver unha vida o máis normalizada posible, será necesario desenvolver programas educativos estructurados e adaptados ás necesidades de cada individuo. Tamén será importante para o desenvolvemento xeral, participar da forma mais activa posible dos recursos comunitarios para poder construír as súas propias experiencias.

O tratamento das persoas con TEA debe ser multidisciplinar, incluíndo os enfoques e obxectivos de todas as persoas implicadas: familias, educadores, médicos, etc.

É fundamental que exista unha comunicación permanente e fluída entre os/as responsables das accións médicas e os dos programas educativos e psicolóxicos, para garantir en todo momento unha intervención óptima. Os familiares tamén deben estar ben informados a fin de que poidan tomar decisións que nunca resulten prexudiciais para a saúde dos/as seus/súas fillos/as.

Medios de tratamento

Atención Temperá:

A Atención Temperá está dirixida a nenos/as de 0 a 6 anos con diagnóstico ou sospeita de TEA e ás súas familias.

Nos servizos de atención temperá lévanse a cabo un conxunto de accións coordinadas con carácter global e interdisciplinar, encamiñadas a facilitar a evolución en todas as áreas de desenvolvemento do neno/a con TEA, respectando o propio ritmo e fundamentando a intervención en aspectos relacionais, lúdicos e funcionais. As accións dirixidas ás familias son de carácter orientativo e de apoio.

Programas educativos:

Modalidades de escolarización/educación: en centros ordinarios con apoios específicos, en centros ordinarios con escolarización combinada con centros de educación especial, e en centros de educación especial.

Métodos: principios educativos estructurados, sistemas de aprendizaxe do comportamento, terapia da linguaxe e da fala, terapia ocupacional e fisioterapia.

Programas asistenciais:

  • Centros de día.
  • Centros ocupacionais.
  • Centros residenciais.

Nestes Centros se presta atención ás necesidades básicas, terapéuticas e sociais das persoas adultas con TEA, promovendo a súa autonomía e calidade de vida.

Programas sociais:

  • Educación e información ás familias: sobre os TEA e os métodos de actuación, por parte dos profesionais das asociacións e entidades.
  • Escola para pais: manexo de conductas inadaptadas, técnicas alternativas de comunicación,...
  • Consellos e guías para axudar ás familias a afrontar o impacto emocional, etc.
  • Actividades de respiro familiar e inclusión social.

Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se non cambia a configuración do seu navegador, Vostede acepta o seu uso. + INFO.