autismogalicia.org

  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
  • Español
  • Galician (Galego)

Marlene Horna: As familias non serían un complemento senón parte fundamental do equipo de intervención

Correo-e Imprimir PDF

 

Aproveitando a visita do ano pasado de Marlene Horna á Federación Autismo Galicia para a realización de dous cursos sobre apoios visuais, realizouse unha pequena charla con ela. Ademais do seu traballo como psicóloga especializada en TEA, unha boa parte do seu tempo dedícao a formar a outras persoas sobre este trastorno. Leva varios anos colaborando coa Federación impartindo a parte primeira do curso de Monitor de Ocio e Tempo Libre, dous dos módulos do curso de Preparador Laboral Especialista en TEA e, o 14 de Marzo realizará o curso de Alumnos con TEA: Discapacidade Intelectual.



AG: Como profesional de atención directa e como formadora, en qué dirección cres que debería avanzar a formación dos profesionais?



MH:  Tradicionalmente os profesionais e asociacións vense centrando máis en persoas con TEA e discapacidade intelectual asociada. Hoxe  en día, son necesarios tamén moitos máis profesionais especializados en apoiar a persoas do outro lado do espectro de autismo, o que coñecíamos como Autismo de Alto Funcionamento e Síndrome de Asperger, e especialmente no caso das mulleres (que continúan estando infradiagnosticadas) e de persoas adultas a quen lles sigue custando atopar profesionais que podan apoialos nos seus proxectos de vida. Neste mesmo senso, é fundamental comezar a centrar máis as nosas intervencións nas contornas naturais da persoa (no fogar, nas escolas, nos parques, nas cafeterías, etc.) porque sabemos que as persoas con TEA teñen dificultades para levar o aprendido nun contexto artificial ó real, pola riqueza e variedade de situacións que se ofrecen na comunidade, e porque só nesas situacións podemos coñecer e traballar con todo o seu contexto social (compañeiros de clase,  veciños, o camareiro da cafetería á que vai habitualmente, etc.). E outra das necesidades pendentes na nosa comunidade  é a creación de máis servizos de Emprego con Apoio, xa que os que existen non poden abarcar a demanda que xurde en lugares tan distantes entre si. É unha demanda que xa está nas rúas e que ademais sabemos que se vai multiplicar en poucos anos cando todos os rapaces que agora están nas escolas saian ao mercado laboral, feito para o que aínda non estamos preparados.

 

AG: Non só formas a profesionais, senón tamén a familias. Cal consideras que debe ser o papel da familia na intervención? Como poden axudar a complementar a intervención dos profesionais?



As familias non serían un complemento senón parte fundamental do equipo de intervención, e máis aínda no caso dos nenos pequenos no que constituirían o eixo principal no que o profesional debería basear a súa intervención. As persoas que máis necesitan comprender e coñecer a mellor forma de relacionarse e apoiar as persoas con TEA son as súas propias familias. Formando ás familias, o apoio especializado que reciban os seus fillos non se verá limitado ao escaso tempo que estean cun profesional senón que se estenderá a todas as horas do día, contornas e situacións nos que,  dunha forma lúdica e natural, a súa familia estará potenciando as súas capacidades  e axudándoo a desenvolverse seguindo a súa propia traxectoria de desenvolvemento, que pode ser moi diferente á doutras persoas. As melloras na calidade de vida da persoa con TEA e das súas familias cando estas son implicadas na intervención son enormes e están comprobados cientificamente. Por tanto, é tamén responsabilidade das familias formarse, non para ser especialistas en autismo pero si para ser especialistas nos seus fillos. Entre a familia e o profesional debería establecerse unha relación de confianza e colaboración de igual a igual, xa que si ben somos os profesionais os que podemos saber máis de autismo, son as familias as que mellor coñecen aos seus fillos e a súa realidade e por iso xuntos, familia e profesional, deberían establecer e traballar os obxectivos de intervención.



Parte fundamental tamén do labor de calquera profesional é a de empoderar ás familias coas que traballa, é dicir, apoialas e axudalas a seren fortes e poderosas de cara a defender os dereitos dos seus  fillos como cidadáns de pleno dereito dentro das súas comunidades.

Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se non cambia a configuración do seu navegador, Vostede acepta o seu uso. + INFO.