autismogalicia.org

  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
  • Español
  • Galician (Galego)

A atención temperá evitaría a dependencia en moitas persoas con autismo

Correo-e Imprimir PDF

O presidente da Federación Autismo Galicia, Antonio de la Iglesia Soriano compareceu esta mañá perante a Comisión Non Permanente para o Seguimento das Políticas de Discapacidade do Parlamento de Galicia co obxectivo de expoñer a esta institución as problemáticas que afectan ao colectivo de persoas con trastornos do espectro do autismo (TEA).


Os TEA son trastornos neurobiolóxicos que afectan ás capacidades comunicativas e sociais e na actualidade non teñen cura. “O autismo non é unha enfermidade, tan só unha forma distinta de percibir o mundo” explicou Antonio de la Iglesia.

Os trastornos do espectro do autismo, considerados xa pandemia no Reino Unido e Estados Unidos, continúan a crecer. Na actualidade, dase 1 caso por cada 150 nacementos, aínda que algúns estudos norteamericanos elevan as previsións a 1 de cada 88. En España, o Congreso dos Deputados iniciou o debate sobre a creación dunha estratexia específica para afrontar estes trastornos. “Actualmente non hai medios nin criterios para facer fronte a este crecemento. En Galicia deberíamos tomar medidas de forma urxente” recordou De la Iglesia, quen considera fundamental a creación dun espazo sociosanitario coordinado que permita un mellor aproveitamento dos recursos sanitarios, sociais e educativos.

 



 

 

A detección precoz e a intervención temperá son decisivas para un mellor desenvolvemento da persoa no futuro e lograr un maior grao de independencia. “Moitas persoas que son dependentes poderían non telo sido se os sistemas de detección e atención temperá tiveran estado implantados nos sistemas de saúde e educación” denuncia De la Iglesia. Os procesos de diagnóstico derívanse dende a Administración ás entidades sociais, que se ven faltas de recursos e desbordadas con listas de espera de meses, un tempo que prexudica o futuro desenvolvemento da persoa.

En canto á inclusión educativa dos cativos con TEA, existen listas de espera para as aulas específicas para TEA en centros ordinarios e dende a Administración non se permite ás entidades asociativas establecer este tipo de aulas en colexios ordinarios, tal e como se vén facendo noutras comunidades autónomas. Segundo explica o presidente de Autismo Galicia, isto permitiría aos nenos acoplarse progresivamente ás aulas ordinarias contando cun mellor apoio por parte de docentes e profesionais das asociacións, así como un aforro nos custos.

Un punto crítico na vida das persoas con TEA é o remate da etapa escolar, polo que a entidade demanda máis apoio para a formación superior e profesional destas persoas e políticas de emprego con apoio eficaces como inversión de futuro. Segundo denuncia o presidente de Autismo Galicia, o 85% das empresas paga para evitar cumplir coa cota de traballadores con discapacidade que impón a lei e a Administración permite esta práctica.


Na súa intervención, Antonio de la Iglesia tamén recordou que a creación de prazas de centros de día e residencias leva anos paralizada, nalgúns casos coas infraestruturas xa construídas, mentres máis persoas con TEA e grandes necesidades de apoio chegan á idade adulta. “Galicia con Extremadura son as comunidades autónomas cunha achega da Administración máis baixa ao custo das prazas de centro de día e residencia, polo que as familias teñen que facer un enorme esforzo económico e, por riba de todo esto, instáurase o sistema de copago” deunucia De la Iglesia.

A entidade posiciónase en contra do copago por consideralo “inxusto e inmoral”, xa que os mínimos exentos do copago son extremadamente baixos. “Grávase por segunda vez ás persoas que máis sofren e teñen máis necesidades” apunta o presidente da entidade.

Antonio de la Iglesia, que tamén é pai dunha persoa con TEA, reitera a necesidade de colaboración entre as entidades sociais e a Administración coma un eixe básico na prestación dos servizos coa maior calidade e garantía, por iso demanda a inclusión de cláusulas sociais nos contratos de prazas concertadas coa Administración. Segundo explica o presidente da entidade, “se non se establecen cláusulas sociais, imos perder este modelo e pasar a outro totalmente economicista”.

No turno de preguntas, a representante do grupo parlamentario do BNG denunciou que se utilice a crise como excusa para desmantelar servizos existentes e mostrouse preocupada por que se entenda a discapacidade como un asunto individual, cando debe abordarse a nivel social. O representante de AGE, pola súa banda, acusou á Administración de fuxir da súa responsabilidade con este colectivo obrigando ás familias a organizarse para lograren servizos. A vogal do grupo parlamentario Socialista insisitiu na necesidade de prestar os servizos dende a Administración Pública e priorizar as cláusulas sociais nos contratos coa Administración. A representante do grupo Popular, pola súa banda, destacou o aumento nos orzamentos previsto para 2015 e a creación dunha Rede Galega de Atención Temperá.


Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se non cambia a configuración do seu navegador, Vostede acepta o seu uso. + INFO.