autismogalicia.org

  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
  • Español
  • Galician (Galego)

Ángel Carracedo: “Unha das cousas máis importantes para min era facer que o diagnóstico clínico do TEA fose un dereito”

Correo-e Imprimir PDF

O esforzo por comprender levou a este home natural de Santa Comba a se converter nun dos investigadores galegos máis destacados no eido da xenética. Gañou importantes recoñecementos na investigación como o Premio Rei Xaime I, outorgado por un xurado de premios Nobel, ou a Medalla de Ouro de Galicia; foi presidente da Sociedade Internacional de Xenética Forense e é vicepresidente da Academia Internacional de Medicina Legal. Profeta na súa terra e tamén fóra, o catedrático de Medicina Legal participou en investigacións de calado internacional como o Proxecto do Xenoma Humano e a el recorren policías e investigadores de todo o mundo.

Ángel Carracedo é recoñecido, ademais de polo seu percorrido profesional, pola súa visión humanizada da ciencia e o seu compromiso coa divulgación científica.

 

Na actualidade dirixe a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (SERGAS) e o Centro Nacional de Xenotipado (Universidade de Santiago), centros que colocou xunto co seu equipo na vangarda mundial da investigación xenética. Encabeza un estudo que conta co apoio da Fundación María José Jove e a participación das familias galegas no que tentan desentrañar as causas xenéticas do autismo e a súa relación cos síntomas que se detectan nas persoas afectadas por este trastorno.

 

Agora que o voso estudo, que comezou en 2012, vai máis avanzado, gustaríanos saber un pouco máis sobre as partes que xa se completaron, as conclusións que obtivestes e o que resta por facer.

De momento fixemos un estudo xenético bastante completo, con máis de 200 rapaces, practicamente todos eles pertencentes a asociacións de autismo das provincias da Coruña e Pontevedra. Completamos a parte xenética e vimos, como cabía esperar, que aproximadamente o 25% tiñan o que chamamos alteracións microestruturais do xenoma, que eran a causa do problema. Non hai unha única alteración, hai varias e algunhas un pouquiño máis frecuentes en Galicia. Son pequenas duplicacións, repeticións de páxinas do xenoma ou perda de páxinas.

No casos dos nenos que deron positivo, chamamos aos pais individualmente e lles dimos consello xenético. Cando aparece unha destas alteracións, pode deberse a dúas cousas. Que sexa de novo, que apareza no fillo e que non o teñan os pais, ou ben que veña dalgún dos pais pero que neles polo motivo que fora non se expresara. Eso ten consecuencias distintas á hora do consello xenético e á hora de estimar as probabilidades de que outro fillo poda ter TEA.

Para o resto das familias, foise polas asociacións para explicar o informe, explicarlles que deron negativo e cales son as consecuencias dese negativo. Tamén se lles pediu aos pais se querían cooperar dando eles mostras e o seu consentimento para proceder a un análise máis fino do xenoma dentro dun proxecto de investigación que se chama Proxecto Internacional do Autismo.


Dentro dese 25% no que se detectaron causas xenéticas, é posible estimar as posibilidades de que outro fillo tivera autismo?

Sen saber antes nada, o risco dunha parella que xa teña un neno con autismo é dun 4 ou 5% de desenvolver un autismo severo e de ter síntomas autistas un 18%. Se se trata dunha mutación que se deu de novo no neno, os pais non teñen máis risco cá poboación xeral, é dicir, algo máis do 1%. Nos outros casos, cando un dos pais ten unha alteración, teñen un 50% de posibilidades de que o seu fillo tamén teña esa alteración aínda que tela non significa necesariamente que terá TEA. Neste caso tamén se poden beneficiar dun diagnóstico prenatal. Dentro de cada caso, explícanselles os pros, os contras e as probabilidades, xa que cada caso é diferente.


Explicados os resultados ás familias, cal sería o seguinte paso?

Unha das cousas máis importantes para min era facer que o diagnóstico clínico do TEA fora un dereito asistencial e non telos que pagar cos cartos de proxectos de investigación que son para outras cousas. Afortunadamente o SERGAS foi sensible a esto e o diagnóstico xenético do TEA queda incluído como unha prestación sanitaria; de modo que os especialistas poden pedilo. Penso que esto foi un avance moi grande, eu quería arranxar esto o primeiro e poder dar ese servizo ás familias. Esto non é investigación, senón un dereito a un diagnóstico.

Na parte de investigación, nese 25% no que atopamos alteracións queremos correlacionar eso que vimos cos síntomas e cun análise psicolóxico máis profundo dos rapaces. Con eso tratamos de establecer unha correlación xenotipo-fenotipo, é dicir, saber o que lles pasa aos xenes e saber o que lles pasa a eles. Seguramente son cousas distintas en cromosomas distintos e esto significa unha cousa que xa sabiamos: non hai un TEA, hai moitos TEA. Algúns teñen déficits nunhas cousas, outros teñen déficits noutras. Agora estamos tratando de diseccionar este transtorno para poder clasificalo mellor.

Por outra parte, algúns dos que deron negativos xa os mandamos aos Estados Unidos para secuenciar todo o xenoma e para saber tamén se teñen mutacións noutros xenes que non vimos co chip que utilizamos aquí e que só detecta alteracións pequenas, pero non tan pequenas como un cambio dunha base, como un cambio dunha letra no libro do xenoma. Podes ler páxinas e ver se ten unha páxina repetida, pero co que fixemos non se poden ver as letras. Con esto agora poderemos ter todo o libro.


Segundo vimos nos medios, seguen a recoller familias en Lugo.

Agora queremos completar o resto de casos. Non podemos pagar o custo dos de Lugo, pero como xa poden entrar na parte asistencial xa lles informamos a eles e tamén aos médicos para facilitarlles o diagnóstico e que entren no estudo igual, pero xa seguindo unha vía diagnóstica. Así poderán entrar as familias de Lugo e Ourense.


Entón, moitas familias que teñen nenos con TEA e que non participaron no estudo, poderían acceder a través da sanidade pública a un diagnóstico xenético?

Si, poden todas elas. O seguinte paso vai ser informar aos especialistas (normalmente psiquiatras infantís ou neuropediatras) para que saiban que o poden pedir e que o deben pedir. Unha vez que reciben os resultados, para interpretalo non hai problema pola nosa parte en seguir facendo o consello xenético.

O primeiro, este diagnóstico é un dereito, e segundo é un aforro porque hai moita xente que ten dous nenos con autismo, porque cumpre coas probabilidades do que tocaba. Estes problemas poderíanse evitar cun bo consello xenético. Outros, en cambio, non teñen máis fillos podéndoos ter sen problema ningún porque non teñen máis probabilidades ca o resto da poboación, queren ter fillos pero non se atreven.


No estudo plantexábase tamén incluír a nenos que teñen déficit de atención ou trastorno obsesivo compulsivo. Agardabades atopar raíces comúns co TEA?

Non se decidiu polo tema da comorbilidade, aínda que todos estes trastornos teñen unha grande comorbilidade. O motivo foi que quixemos coller os trastornos máis comúns en rapaces e adolescentes e que teñen un compoñente xenético.


En que se diferencia este estudo doutros que se levan feito?

En autismo hai algúns estudos que, como o noso, miraron cales son estas alteracións, que chamamos microestruturais do xenoma, como causa do TEA. Era interesante facelo aquí, xa que pode ser distinto ca noutros sitios. Saber cales son os xenes que están afectados, que non son iguais nas poboacións.

E despois, o que non se fixo noutros estudos é establecer esta relación entre xenotipo e fenotipo. Para saber como son eles, que características psicolóxicas teñen ou cales son as áreas máis deficitarias.


Polas informacións que vemos nos medios sobre investigacións en autismo, ás veces semella que calquera cousa pode causar autismo ou que existe un número alarmante de casos. Que nos podes comentar sobre a divulgación deste tipo de información?

Realmente non sabemos por que aumenta a frecuencia do autismo. Parece que debe haber algún tipo de relación xen-ambiente que o favorece un pouco. Tamén aumentou porque diminuíu o estigma, hai asociacionismo. Fóra desas cousas, parece igualmente que existe un aumento e é importante coñecer as causas dese aumento.

A xente ten que entender que algo máis do 1% dos rapaces teñen autismo, en tanto outro porcentaxe teñen TOC e noutro porcentaxe teñen TDAH. É parte da vida e o que hai que facer é normalizalo, non asustarse e divulgar con xeito. A enfermidade e os problemas son algo que nos toca vivir, a normalidade é relativa, non hai ninguén normal.

Unha das cousas que máis me desesperan é que os medios sacan titulares, non divulgan, non se sabe cal é a realidade do autismo. Sacan unha noticia críptica sobre unha investigación na que identifican un xen como causa do autismo, entón un xa pensa que todo ten cura e iso xera moitas frustracións. Por qué non se divulga máis e se sacan menos titulares? O coñecemento non debe asustar. A min o único que me asusta da vida é a ignorancia, por eso creo que loitar contra a ignorancia é boa cousa.


Falabas antes de chegar a clasificar mellor os TEA. O DSM 5 tende ao contrario, a agrupalos. Que che parece esta idea?

Eu non son psiquiatra, pero teño a miña opinión sobre o DSM 5. Normalmente o problema da psiquiatría é que hai moito overlap (solapamento) entre as cousas e que moitas veces leva á confusión, por eso neste DSM 5 tenderon á agrupación. Esto a min, cientificamente, non me parece mal, pero si creo que lles complica a vida aos psiquiatras, que estaban afeitos a subclasificar. Creo que hai que traballar moito máis nas clasificacións. Entendo que non hai máis remedio que agrupar porque as cousas non están ben clasificadas.

No caso do TEA, inclúe a síndrome de Asperger, que era una clasificación que tiña un efecto tranquilizador sobre as familias e tiña outra cousa boa, que identificaba a un grupo de TEA do que sabemos que non teñen discapacidade intelectual, que son normais ou superiores en rendemento. Diferénciaos do TEA ligado a unha discapacidade intelectual. Eu creo que estas clasificacións, aínda que non se manteñan no DSM 5, vanse seguir facendo porque tanto os psiquiatras como as familias séntense máis confortables.

Dende o punto de vista da investigación, penso que hai que tratalo dos dous xeitos. Por unha parte convén agrupar para ver que pasa, por outra parte temos que ir aprendendo cales destas alteracións teñen que ver coa discapacidade intelectual ou cales delas non terán nada que ver aínda que ese xen estea alterado. Ir diseccionando estas dúas cousas parece importante. Estou seguro de que, a medida que entendamos mellor as cousas, a clasificación vai ser máis molecular e non tanto por síntomas.

Non só en psiquiatría, en moitos trastornos e enfermidades estamos na etapa dos síntomas porque non sabemos que hai detrás, logo vemos síntomas e clasificamos as cousas por síntomas. O que virá no futuro vai ser unha clasificación máis molecular. Diremos esta persoa ten esta alteración estrutural no xenoma e ademais pódenlle pasar estas outras cousas. Esto tamén abre posibilidades para saber como tratar os trastornos. Se acabamos entendendo a causa molecular do autismo, empezaremos a ter tratamentos. Este sería o obxectivo último.


Fai un tempo, falabamos con Lorena Gómez, a responsable clínica, e comentábanos que a idea é acadar un tratamento personalizado.

Imaxinemos a unha persoa cun trastorno determinado, por exemplo con autismo e discapacidade intelectual, pero esta persoa ten outras áreas ben conservadas. Podemos saber cales se estimulan precozmente, o que temos que traballar si vamos entendendo esto. Por outra parte, se sabemos a causa molecular, pódese ir pensando en potenciais terapias, que cada vez hai máis para as enfermidades raras. O TEA xa non é, por frecuencia, unha enfermidade rara, pero as diferentes alteracións que producen o autismo acompañado doutra cousa si o son, porque van ser menos persoas. Hai que intentar ver a partir da alteración xenómica cales son as consecuencias moleculares para buscarlles tratamento. Este é un traballo a longo prazo de modo que hai que empezar canto antes.


Estes tratamentos personalizados serían a farmacoxenómica?

A farmacoxenómica consiste en buscar a raíz da resposta distinta aos fármacos nun individuo para tratalo de xeito máis personalizado.

A día de hoxe fármacos para o autismo tampouco hai, exceptuando os que se utilizan para paliar algún síntomas. Dificilmente poden existir se sabemos tan pouco do que pasa.

Agora estamos empezando a saber algunhas causas, eso é a primeira proba para poder tratar no futuro algúns deles, aqueles aos que lles poidamos ver a causa e esta causa sexa tratable. Esto é unha labor de anos, pero hai que empezar por entendelo. Non vai haber unha cura para o autismo, xa que son moitísimas cousas, pero nalgúns deles si podemos empezar a pensar que facer, como empeza a haber cousas para X Fráxil ou para outros trastornos.


Cal é a diferencia entre a farmacoxenética e a farmacoxenómica?

Xenética é todo aquelo que é herdable e xenómica é todo aquelo que afecta ao xenoma e que non é herdable. Unha mutación nunha célula dun pulmón que provoca un cancro é un cambio que no se herda. Outros trastornos que se herdan, como algúns tipos de autismo, son xenética.

Farmacoxenética e farmacoxenómica son un pouco o mesmo, pero referido á resposta aos fármacos. Nós respondemos aos fármacos de forma diferente uns doutros e eso depende de varios factores, algúns deles xenéticos ou xenómicos. A identificación a nivel xenético ou xenómico de factores que permitan predicir a quen lle vai ir ben e a quen non, eso é facer farmacoxenética ou farmacoxenómica.


Autism Speaks e Google están a levar a cabo un proxecto para poder secuenciar o xenoma de 10.000 persoas. Parece ser que o porán a disposición de toda a comunidade científica, non sei se estades ao tanto ou se considerades que podería servos interesante.

Para o Proxecto Internacional de Autismo, cantos máis xenomas teñamos de autismo, mellor entenderemos o trastorno e mellor poderemos entendelo, clasificalo e buscar potenciais curas.

Ese tipo de proxectos son moi benvidos. Un soño sería que para o diagnóstico se fixera directamente o exoma, como se fai nalgúns países, e non o que facemos nós. Se nós detectamos un 25%, eles detectan un 10% máis facendo o exoma. O resto xa quedaría para investigar o que lles pasa. O problema é que esto é moi caro e o noso sistema de saúde ten límites. Sería mellor, aumentaría o diagnóstico un pouco máis, pero tamén hai que ter en conta o custo.

A secuenciación de xenomas e exomas en autismo vai ser un avance importantísimo, dende logo.


Que é o exoma? Cal é a diferencia coa outra forma de analizar o xenoma?

O xenoma sempre o conto como un libro grandísimo que ten 3.300 millóns de letras. Para secuencialo, para ter ese libro, realizouse o proxecto internacional do xenoma humano, que tardou 12 anos, nel traballaron miles de científicos e custou miles de millóns de euros. De repente houbo unha revolución tecnolóxica fai dou ou tres anos, que fixo que poidamos ler o libro moitísimo máis rápido e relativamente barato.

Á parte do libro que ten a información real chamámoslle exoma, porque hai moitas partes do libro que non sabemos moi ben que información teñen. As partes que dan instruccións chamámoslles exoma, que é unha parte pequena do libro, como uns centos de millóns de páxinas. Esto podemos facelo a prezos accesibles, aínda que consume moitos recursos informáticos.


O proxecto do que falabamos de almacenaxe na nube, neste sentido, ofrecería aos investigadores a posibilidade de ter os datos sempre dispoñibles sen ter que levalos dun lugar a outro.

Esto de estar na nube ten tamén problemas éticos. Os datos de xenomas e exomas que nós temos aquí, como teñen moitos terabytes e non caben nun ordenador, temos un convenio co Centro de Supercomputación de Galicia e témolos alí porque alí están seguros. Na nube habería que encriptalos dalgunha maneira, xa que o xenoma de cada individuo é unha información moi persoal, da as claves do autismo e doutras moitas cousas. Sobre todo, en países onde non hai sistemas de seguridade social, ter acceso a eses datos pódeche impedir facer un seguro.

Hai proxectos de empresas cos que estamos a traballar de sistemas de encriptamento na nube para ter os datos alí, pero téñennos que garantir moita seguridade no acceso porque o material xenómico é moi sensible. De todos xeitos, ese proxecto paréceme un grande avance.

No Proxecto Internacional de Autismo vanse secuenciar uns 2.000 exomas, entre eles, os das familias galegas de nenos con autismo que deron negativo e deron o seu consentimento. Este estudo faise en Estados Unidos e nós colaboramos con eles. Coa tecnoloxía que temos, podemos facelo aquí, pero non podemos pagalo.


Unha das preguntas que nos fan a miúdo e para a que non temos resposta é cantas persoas con autismo hai en Galicia.

Unha das cousas que me chama a atención é a falta de estudos epidemiolóxicos serios de incidencia e evolución porque é importante e non os temos. Era boa idea facelos porque ademais estas persoas están dispersas, non todas están en asociacións. Tamén hai unha variedade de profesionais que os tratan, outros foron diagnosticados pero xa non os leva realmente ningún médico. Entón estamos ante unha variedade enorme e uns datos moi difíciles de coñecer.

Cando dicimos que o autismo aumentou moito nos últimos anos, aínda que seguramente é certo, onde están os datos? Tampouco sabemos cal é a incidencia nas distintas áreas de Galicia, se é toda igual. Todas estas cousas seríannos de unha utilidade enorme para facer hipóteses e para aprender o que vai ser máis importante, a interacción xen-ambiente. Todos estes estudos epidemiolóxicos darían moita luz para entender estas cousas.


Vemos que a investigación en autismo esperta moito interese na comunidade científica actual en todo o mundo.

Todo o que é a investigación en enfermidades psiquiátricas está empezando, pero se miramos os recursos que se gastan non son comparables coa incidencia que teñen. Eu penso que por dous problemas. O primeiro porque non se pensaba que foran cousas biolóxicas, senón cousas sociais ou afectivas. Houbo correntes que negaban o trasfondo biolóxico de trastornos que son moi biolóxicos, como o TEA.

Por outra parte está o tema sempre terrible do estigma, que fai que a sociedade mirase e siga mirando nalgunhas cousas cara outro lado. Gracias ao asociacionismo, o autismo vaise desestigmatizando. Se un rapaz rompe unha perna, xa están todos os rapaces do cole indo a visitalo ao hospital, mandándolle cartas. Pero se ten anorexia ou un trastorno obsesivo compulsivo, igual é mellor que non se saiba. Esto é unha lacra que aínda está na sociedade e coa que temos que loitar, por iso temos que traballar en moitos sentidos, non só na investigación e no diagnóstico. Traballar na concienciación social é importante porque esto repercute ao final nos cartos que se dedican á investigación. Sen presión social, non hai presión económica nin política detrás.


Por Andrea Villarino Rúa

Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se non cambia a configuración do seu navegador, Vostede acepta o seu uso. + INFO.