Esta fin de semana celebrouse en Ordes a terceira edición das Xornandas ‘A Discapacidade Hoxe’, organizadas pola Área de Diversidade Funcional deste Concello, e nas que participou Autismo Galicia.
Na presente convocatoria, que coincidiu coa celebración anual de Feira Multisectorial Expo Ordes, a Xornada aglutinou a un total de 15 entidades do sector da discapacidade.
FAXPG, ONCE, COGAMI, FADEMGA ou Down Compostela foron algunhas das organizacións que se deron cita xunto a Autismo Galicia ao longo da fin de semana.
As entidades estiveron presentes ante o público asistente con stands informativos na Área de Diversidade Funcional a elas reservada dentro do recinto feiral de Expo Ordes. Pero o sábado 28 tiveron ademais un espazo de encontro e reflexión no Auditorio do Museo do Traxe ‘Juanjo Liñares’, no que cada organización deu a coñecer a realidade do sector específico da discapacidade para o que cada unha traballa.
Neste sentido, a participación de Autismo Galicia neste acto veu da man de D. Cipriano Jiménez Casas, Vicepresidente da Federación, quen explicou antes os asistentes as características específicas dos trastornos do espectro do autismo e as implicacións e demandas sociosanitarias que o correcto tratamento da síndrome require no actual contexto.
A Xornada foi clausurada por Dna. Lucía Iglesias Miras, Concelleira delegada de Diversidade Funcional.
| Anterior | Seguinte |
|---|






























