autismogalicia.org

  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
  • Español
  • Galician (Galego)

A Fundación Menela celebra en Vigo o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo

Correo-e Imprimir PDF

Segundo estudos epidemiolóxicos da Organización Mundial do Autismo (OMA), 1 de cada 150 nenos e nenas en idade escolar podería presentar un Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), polo que a detección temperá debe ser unha prioridade na intervención e orientación dos TEA, contribuíndo así á defensa dos seus dereitos e á mellora da súa calidade de vida, permitíndolle aos profesionais e ás familias establecer o mellor tratamento e escolarización para cada caso, de cara ao seu desenvolvemento persoal e á súa inclusión social.

Logo MENELA

Unha característica que define ás sociedades civilizadas é a forma na que axudan aos seus membros con capacidades diferentes, polo que queremos aproveitar este día para difundir o coñecemento e sensibilizar á cidadanía sobre o autismo. Estamos convencidos de que a inclusión das persoas con TEA supón unha riqueza para toda a sociedade que ten a responsabilidade de garantir a igualdade de oportunidades para todos e todas.

Inauguración de "Olladas dende a diversidade": 12:00 h.

Con ocasión deste día a Fundación Menela, en colaboración co Concello de Nigrán, inaugura "Olladas dende a diversidade", exposición de pintura e fotografía que recolle unha mostra significativa da obra de Yolanda, Luís e Eduardo, tres usuarios do Centro Castro Navás (Fundación Menela), e que se presenta como un espazo de expresión e comunicación que se enmarca no proxecto de vida de cada un deles.

A inauguración terá lugar ás 12.00h no Centro da 3ª Idade da Ramallosa (Nigrán), e nela intervirá Dna. Mª da Carmen Alonso, concelleira de Benestar e Sanidade, Dna. Liliana Silva, concelleira de Turismo, Cultura e Deporte e D. Cipriano L. Jiménez, Director Xeral de Fundación Menela.

Presentación do conto "Un soño na bandexa": 18:00 h.

Pola tarde, na cidade de Vigo, a Fundación Menela e a Editorial Galaxia presentarán o conto "Un soño na bandexa"; o primeiro libro infantil adaptado á lectura con pictogramas en galego. Por fin os nenos e nenas con TEA poderán ler un conto en lingua galega e contar cunha ferramenta máis na aprendizaxe da lectura. Ademais constitúe un elemento de visibilización dun sistema de comunicación que está integrado nun conto que pode ler calquera neno ou nena, con discapacidade ou sen ela, no camiño cara á súa normalización.

A presentación, que terá lugar ás 18h no Salón de actos do Museo de Arte Contemporáneo MARCO (rúa Príncipe 54) consistirá nunha sesión de contacontos por parte da autora, Mariné Lorenzo Corcoba, que xenerosamente doa os dereitos á Fundación Menela, con ilustracións en directo de Jorge Vázquez e intervencións do editor, Francisco Castro, o director xeral de Fundación Menela, Cipriano L. Jiménez e o concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, Manel Fernández.

Light it up blue: 1 e 2 de abril

Por outra banda, o Concello de Vigo súmase á acción internacional Light it up blue, promovida por Autism Speaks, que consiste en iluminar de azul edificios e monumentos emblemáticos, tinguindo desta cor a noite do 1 ao 2 de abril o edificio do Antigo Concello (Praza da Constitución), a Casa das Artes (Policarpo Sanz), o antigo Reitorado (Arenal) e as fontes da rúa Aragón e Gran Vía.

‘Lazos e Pulseiras polo Autismo’ e globos azuis

De forma complementaria a estas actividades, colocaranse globos azuis nos centros da Fundación e farase entrega dos ‘Lazos e Pulseiras polo Autismo’ que están a facer os/as usuarios/as do Centro de Educación Especial Menela e do Centro de Día e Residencia Castro Navás, nos seus talleres en colaboración cos seus profesores/as e monitores.

Trípticos informativos:

Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se non cambia a configuración do seu navegador, Vostede acepta o seu uso. + INFO.