autismogalicia.org

  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
  • Español
  • Galician (Galego)

Jimmy, un home con autismo, atopa un traballo na Estrada

Correo-e Imprimir PDF

Jimmy, unha persoa con autismo da asociación estradense APACAF, traballa realizando tarefas de limpeza no Colexio Público de Figueiroa na Estrada acompañado polo seu preparador laboral, que é o encargado de ensinarlle a realizar cada unha das tarefas, así como as responsabilidades do seu posto de traballo.

Esta contratación a modo de experiencia piloto é froito dun acordo logrado entre o Servizo de Emprego da Federación Autismo Galicia, a Asociación APACAF e a empresa Limpiezas Castedo para favorecer a inclusión sociolaboral das persoas con trastornos do espectro do autismo e agárdase poder estendela a outros usuarios da mesma asociación segundo vaia evolucionando o compromiso entre as partes.




 

 

Jimmy, de 42 anos, quedou desempregado ao pechar a carpintería na que traballaba por mor da crise económica. “Sentiuse frustrado, xa que foi consciente de que tiña que deixar de facer unha actividade que lle encantaba”, explican dende a familia. Tras tres anos no paro, agora Jimmy atópase moi satisfeito por poder retornar á actividade laboral. “É un orgullo, estamos moi ledos de volver a velo traballar, xa que é unha parte moi importante da súa vida e mentres estivo no paro notábase que o que quería era traballar” explica a súa familia.

“Animaría a todos os empresarios a que fagan a proba porque paga a pena que esta xente se vexa cada vez máis integrada na sociedade, non hai que ser remisos xa que en toda empresa hai traballos que estas persoas poden realizar, ademais podo asegurar que no caso de Jimmy preocúpase por facer ben ou seu labor” manifesta Juan Castedo, administrador da empresa.


Emprego con apoio
O posto de traballo constitúe un dos principais eidos de socialización para calquera persoa adulta, tamén para as persoas con discapacidade. Por este motivo, dende Autismo Galicia e APACAF impúlsase este modelo de emprego con apoio en empresas ordinarias.

No emprego con apoio perséguese a inclusión das persoas nunha empresa ordinaria onde, ademais de desenvolver un traballo e obter unha remuneración económica, teñan a oportunidade de integrarse co resto dos empregados e ampliar as súas relacións sociais, un reto especialmente importante no caso das persoas con autismo. Durante este proceso de inclusión, as persoas con autismo reciben o apoio do preparador laboral, un profesional que ensina, acompaña e guía ao traballador para aprender a desenvolverse no eido laboral e a ser cada vez máis autónomo no seu traballo.

Dende Autismo Galicia, con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, queremos chamar a atención sobre a necesidade de traballar para a inclusión laboral das persoas con algún tipo de discapacidade, xa que o traballo é un dereito e tamén unha necesidade na vida de toda persoa. Un traballo digno nun ambiente normalizado incrementa a súa autoestima e autonomía, mellorando as súas habilidades sociais.

Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se non cambia a configuración do seu navegador, Vostede acepta o seu uso. + INFO.