autismogalicia.org

  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
  • Español
  • Galician (Galego)

O Concello de Lugo adapta as súas piscinas municipais para as persoas con autismo

Correo-e Imprimir PDF

A Federación Autismo Galicia, a asociación Capaces Lugo e a Concellería de Deportes de Lugo unen esforzos para facer accesibles as piscinas municipais á comprensión das persoas con trastorno do espectro autista (TEA) a través de pictogramas.

 

 

No marco do proxecto de accesibilidade para persoas con TEA que a Federación Autismo Galicia desenvolve co apoio de Fundación ONCE, vense de presentar a nova sinalización das piscinas municipais de Lugo, Frigsa e As Pedreiras. O obxectivo deste proxecto é facer accesibles lugares públicos que son utilizados habitualmente por persoas con autismo, como son neste caso instalacións deportivas.

As persoas con TEA adoitan presentar dificultades coa linguaxe pero son excelentes pensadores visuais, comprenden moito mellor a información se a ven presentada en imaxes, polo que necesitan estas imaxes sinxelas e descritivas para se orientar. Estas adaptacións, realizadas por técnicos especializados con pictogramas ARASAAC, axudarán ás persoas con autismo a saber onde se atopan e o que van facer, proporcionándolles seguridade e autonomía no uso das instalacións. Ademais, esta adaptación visual suporá unha axuda para outros colectivos como persoas maiores, con discapacidade intelectual ou dificultades de comprensión lingüística; e contribuirá a visibilizar as necesidades dun colectivo profundamente descoñecido como é o das persoas con autismo.

Na súa intervención, o concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, destacou a necesidade de adoptar medidas coma esta, que permitan á poboación utilizar as instalacións municipais de xeito sinxelo. “A idea é que esto non remate aquí e que nun futuro próximo sigamos apostando pola instalación destes pictogramas” explicou Grandío.

Tan só na provincia de Lugo, estímase que o número de persoas con trastornos do espectro do autismo podería superar as 900 e que podería acadar as 3.000 persoas en toda Galicia, segundo explicou Ángeles Fernández, presidenta da asociación Capaces Lugo. “Cando pensamos en accesibilidade, pensamos en accesibilidade física, pero tamén hai que eliminar as barreiras comunicativas”, apuntou a presidenta de Capaces Lugo. Dende a Federación Autismo Galicia, fíxose fincapé na importancia de considerar a accesibilidade cognitiva e comunicativa coma un dereito para todas as persoas independentemente das súas características persoais.

 

Coñece máis sobre o proxecto de accesibilidade de Autismo Galicia

Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se non cambia a configuración do seu navegador, Vostede acepta o seu uso. + INFO.