autismogalicia.org

  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
  • Español
  • Galician (Galego)

O Pavillón dos Remedios adáptase para acoller ás persoas con autismo

Correo-e Imprimir PDF

Gracias a un acordo de colaboración entre o Consello Municipal de Deportes de Ourense, a Federación Autismo Galicia e a Asociación de Familiares de Persoas con Trastornos da Comunicación Social de Ourense (TRASCOS), vense de presentar a nova sinalización do Pavillón dos Remedios, cuxo obxectivo é mellorar a accesibilidade destas instalacións deportivas habitualmente utilizadas por persoas con autismo ou con outras discapacidades.

 

 

 

As persoas con autismo adoitan presentar dificultades coa linguaxe pero son excelentes pensadores visuais, comprenden moito mellor a información se a ven presentada en imaxes, polo que necesitan de pictogramas sinxelos e descritivos para se orientar. Estas adaptacións, realizadas por técnicos especializados de Autismo Galicia e da asociación TRASCOS con pictogramas ARASAAC, axudarán ás persoas con autismo a saber onde se atopan e o que van facer, proporcionándolles seguridade e autonomía no uso das instalacións. Ademais, esta adaptación visual suporá unha axuda para outros colectivos que utilizan a miúdo o Pavillón como persoas maiores, con discapacidade intelectual ou dificultades de comprensión lingüística; e contribuirá a visibilizar as necesidades dun colectivo profundamente descoñecido como é o das persoas con autismo.


Segundo explicou Antonio de la Iglesia, presidente da Federación Autismo Galicia, “trátase de barreiras moi fáciles de superar, pero hai que saber que se pode facer e como facelo”. “Comezamos polas instalacións deportivas, pero a nosa ilusión é que se traslade ao resto de institucións públicas” engadiu o representante de Autismo Galicia, que tamén destacou a necesidade de impulsar esta clase de adaptacións para que as persoas con necesidades especiais poidan estar incluídas na sociedade e ser iguales ao resto.


Descoñécese o número de persoas afectadas por estes trastornos, que se está a detectar en 1 de cada 150 nenos, pero estímase que tan só en Galicia hai máis de 2.000 persoas afectadas. “Na provincia de Ourense, estaríamos falando de 600 a 700 persoas que puideran ter un TEA (trastorno do espectro do autismo). Tendo en conta que os diagnósticos están en torno aos 200 ou 300, hai un montón de persoas que, por falta de diagnóstico especializado e de servizos específicos, están sen diagnosticar ou cun diagnóstico equivocado” explicou o profesor e investigador especializado en autismo da Universidade de Vigo, Manuel Ojea, quen tamén preside a asociación TRASCOS en Ourense.


Alfonso Vilachá, concelleiro de Deportes, e Cándido Gómez, xerente do Consello Municipal de Deportes, destacaron o compromiso do Pavillón coas persoas con discapacidade, unhas instalacións que son un referente do deporte ourensán e que contan con máis de 3.800 aboados, dos que 400 teñen recoñecida algunha discapacidade.


Esta colaboración inscríbese no Proxecto de Accesibilidade en Concellos Galegos que Autismo Galicia desenvolve nas catro provincias galegas e que conta co apoio de Fundación ONCE. Ao longo do último ano, outros concellos como A Estrada, Santiago de Compostela ou Lugo, adaptaron xa distintos espazos públicos con pictogramas no marco deste proxecto.

Coñece máis sobre o proxecto

Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se non cambia a configuración do seu navegador, Vostede acepta o seu uso. + INFO.