autismogalicia.org

  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
  • Español
  • Galician (Galego)

Xa está en marcha o IV Foro sobre Pobreza, Exclusión Social, Terceiro Sector e Voluntariado

Correo-e Imprimir PDF

A Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN Galicia), xunto ao CERMI Galicia e a Coordinadora Galega de ONGD, organiza para os días 9 e 10 de outubro a cuarta edición do Foro de Capacitación sobre Pobreza, Exclusión Social, Terceiro Sector e Voluntariado. A cita, baixo o lema “Democracia con transparencia ou desigualdade e corrupción?” levarase a cabo na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago de Compostela, e quere contribuír a analizar e dar visibilidade ás situacións de desigualdade que se viven hoxe na nosa comunidade.


O Foro contará con conferencias e mesas redondas nas que se debaterán distintos aspectos que afectan á inclusión social de colectivos vulnerables. Neste evento aberto ao público, preténdese fomentar o traballo colectivo entre diversas agrupacións, organizacións sociais, universidades, profesionais e outras institucións.

 


O evento divídese en varias áreas: a primeira analizará a importancia da transparencia e a participación das persoas máis vulnerables nas políticas que lles afectan; a segunda avaliará a implantación da Estratexia Europa 2020 e a da transparencia e a participación das organizacións de acción social na xestión dos Fondos Estruturais 2014-2020 que Galicia recibe da Unión Europea. Ademais, falarase de estratexias para lograr efectividade na implantación da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA); e de como mellorar a comunicación dos problemas de inclusión e empoderamento das persoas.


“Agora” para coñecer proxectos innovadores


No marco deste Foro, EAPN Galicia organiza un espazo no que se darán a coñecer iniciativas innovadoras dentro do ámbito da loita contra a pobreza e a exclusión dende as ONG que forman o chamado Terceiro Sector, denominado Agora. Nela participarán organizacións sen ánimo de lucro ou empresas de economía social involucradas na loita contra a pobreza, que disporán dunha sala na que expoñer en 15 minutos os seus proxectos, ante un auditorio reducido de persoas interesadas. Entre as iniciativas presentadas atópase o Proxecto de Accesibilidade promovido por Autismo Galicia co apoio de Fundación ONCE, cuxo obxectivo é facilitar a comprensión de espazos e servizos para as persoas con dificultades comunicativas.


A inscrición no Foro está aberta e custa 15€ (5€ para estudantes e persoas desempregadas), e é gratis para voluntarios ou profesionais das entidades membro de EAPN Galicia, CERMI ou Coordinadora ONGD. Pode formalizarse facendo unha transferencia na conta 2080 0300 81 3040148710 e picando no enlace seguinte:


https://docs.google.com/forms/d/1-x6pbL5BCr73xwe94_1TAobaFA9W7WZcTsTNBMaZkWo/viewform

Accede ao programa do Foro

Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se non cambia a configuración do seu navegador, Vostede acepta o seu uso. + INFO.