autismogalicia.org

  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
  • Español
  • Galician (Galego)

As ONG galegas lembran a Abanca o seu compromiso do mantemento da acción social

Correo-e Imprimir PDF

A Rede Galega Contra a Pobreza (EAPN-Galicia), a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento e o CERMI Galicia agardan que o banco que sucede as antigas caixas galegas non aposte pola desaparición dos orzamentos destinados á obra social.

As tres federacións solicitarán de novo unha xuntanza co equipo directivo de Abanca para asegurar que o seu compromiso na loita contra a pobreza e a exclusión social é firme.


 

As organizacións do terceiro sector galego amósanse optimistas polo futuro que lle agarda á obra social de Abanca. Pero tamén preocupadas pola concreción deste compromiso, nun momento de crise como o actual, onde o labor contra a pobreza e a exclusión social que desenvolveron as antigas caixas galegas cobra aínda maior importancia, sobre todo cando nos últimos anos a contía destinada a este fin viuse reducida drasticamente.


Dende as tres principais plataformas das ONG galegas xa se manifestou esta preocupación ao presidente da Xunta o pasado mes de novembro e aos propios directivos de Banesco e Banco Etcheverría. Daquela, a resposta foi un “compromiso cunha inversión sociocultural firme, estable e sostible no tempo” e que cando a nova xestión se fixera efectiva tería lugar unha xuntanza para coñecer de primeira man cales van ser as liñas mestras no referido á obra social. Agárdase que esta xuntanza sexa convocada nas vindeiras semanas.


 

Este compromiso supón unha razón para o optimismo, que se une ao feito concreto de asegurar un financiamento mínimo anual de 5 millóns de euros para a nova Fundación Galicia Obra Social, que deste xeito garante o seu futuro inmediato como se reclamaba dende o sector solidario galego. Un primeiro paso esperanzador no que debe ser un financiamento moi superior de actuacións de loita contra a pobreza e a exclusión social.


De todos os xeitos, lamentamos que no padroado da Fundación Galicia Obra Social non estea prevista a presenza de representantes do Terceiro Sector organizado galego, o que melloraría substancialmente a súa eficiencia e transparencia. Só no 2012 as ONG galegas integradas nas tres plataformas beneficiaron a máis de 450.000 persoas en risco de pobreza ou exclusión social.


Unha das claves do percorrido das caixas e o que explica a súa historia foi e sigue a súa obra social. Só no ano 2010 a obra social das caixas galegas investiu máis de 83 millóns de euros en diversas actuacións, organizou máis de 7.500 actividades en distintos concellos de Galicia para miles de persoas en situación de pobreza, maiores ou con discapacidade. Son moitas as persoas que confiaron nestas entidades para depositar os seus cartos porque sabían que unha parte dos seus beneficios se destinaba obrigatoriamente ao seu labor social.


Por todo isto, as ONG galegas reclamamos un compromiso firme e sen fisuras por parte de Abanca, non só para que asegure os criterios de banca que dea servizo as persoas e as empresas, senón para que continúe o labor social das caixas.

Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se non cambia a configuración do seu navegador, Vostede acepta o seu uso. + INFO.