Noticias
© federación Autismo Galicia | 15/04/2024 | Día Mundial da Atención Temperá. Reflexións de Cristina Sánchez-Agustino Barcia, traballadora de ASPERGA.
Día Mundial da Atención Temperá. Reflexións de Cristina Sánchez-Agustino Barcia, traballadora de ASPERGA.
O principal obxectivo da atención temperá é facilitar os apoios necesarios para que os nenos e nenas participen activamente no seu propio desenvolvemento, axudándolles a acadar unha maior autonomía na súa vida adulta e abrindo así un abano de oportunidades.
15/04/2024
Os primeiros anos de vida son unha etapa fundamental no desenvolvemento humano, onde se produce un crecemento acelerado a nivel biolóxico, psicolóxico e social.
Cando unha persoa é diagnosticada con autismo nesta fase inicial, dos cero aos seis anos, a atención temperá adquire unha importancia vital. Este servizo ofrece as ferramentas necesarias para unha intervención axeitada, proporcionando unha base sólida para o crecemento e desenvolvemento da persoa.
O principal obxectivo da atención temperá é facilitar os apoios necesarios para que os nenos e nenas participen activamente no seu propio desenvolvemento, axudándolles a acadar unha maior autonomía na súa vida adulta e abrindo así un abano de oportunidades. Para lograr este obxectivo, a intervención debe ser integral e centrarse en todos os aspectos relevantes da vida do menor. Isto require a colaboración de equipos interdisciplinares, formados por profesionais altamente cualificados, que entendan e aborden as características únicas dos nenos e nenas con autismo de forma especializada.
Outro aspecto esencial dos servizos de Atención Temperá é o seu enfoque global. Non só proporcionan apoio á persoa usuaria, senón que tamén promoven un traballo integral en todos os ámbitos da súa vida, incluíndo o familiar e o escolar. Isto permite obter unha visión completa da situación e das necesidades do menor, garantindo así que a intervención sexa máis precisa e personalizada
En resumo, a atención temperá é unha ferramenta fundamental para acompañar e apoiar o desenvolvemento dos nenos e nenas con autismo nos seus primeiros anos de vida. A través dunha intervención integral e especializada, este servizo non só contribúe ao benestar da persoa usuaria, senón que tamén fortalece ás súas familias e promove a súa inclusión plena na sociedade.
Cristina Sánchez-Agustino Barcia, traballadora de ASPERGA, é licenciada en pedagoxía e graduada en psicoloxía, cun mestrado en igualdade de oportunidad e formación do profesorado
Esta publicación forma parte do Proxecto Axenda de Contidos de interese dentro do Programa de Incidencia Social da Federación Autismo Galicia e forma parte da Estratexia para a Concienciación sobre o Autismo en Galicia.
Archivada en:
Infórmate > Noticias