Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 23/04/2024 | Día do libro. Reflexións de Cristina Sánchez-Agustino Barcia, traballadora de ASPERGA

Día do libro. Reflexións de Cristina Sánchez-Agustino Barcia, traballadora de ASPERGA

Aínda que algunhas persoas TEA enfrontan dificultades en áreas como a comunicación e a interacción social, iso non limita a capacidade para gozar da lectura ou mesmo para escribir e crear historias. De feito, moitos autores e autoras autistas emergiron nos últimos anos, compartindo as súas experiencias e ofrecendo novas perspectivas ao mundo.

23/04/2024

O Día do Libro é unha celebración que nos invita a reflexionar sobre o poder transformador da lectura nas nosas vidas. Desde o meu punto de vista como psicóloga e pedagoga, considero que a lectura non só enriquece o noso intelecto, senón que tamén nutre a nosa saúde mental e emocional de múltiples formas.

A continuación, destacarei algúns dos beneficios máis significativos que, baixo o meu punto de vista, a lectura ofrece: Considero que a lectura proporciona un refuxio tranquilo no caos da vida cotiá. Ao adentrarnos nas páxinas dun libro, permítenos desconectar temporalmente do estrés e das preocupacións, o que nos brinda un espazo para relaxarnos e recargar as nosas enerxías. Ademais, exercita a nosa mente ao requirir de concentración, comprensión e procesamento activo de información, o que fortalece a nosa axilidade mental e estimula o noso pensamento crítico.

Ao adentrarnos nas vidas e experiencias dos personaxes, desenvolvemos unha comprensión máis profunda das emocións humanas e unha maior capacidade para poñernos no lugar dos demais, o que enriquece as nosas relacións interpersoais. Tamén actúa como unha ventá cara á nosa propia psique, permitíndonos explorar e comprender mellor as nosas propias emocións e as dos demais. Adquirir unha maior conciencia emocional axúdanos a manexar mellor o estrés, resolver conflitos e mellorar a nosa calidade de vida en xeral.

Ademais, a lectura estimula a nosa imaxinación e creatividade ao transportarnos a mundos novos e descoñecidos. Permítenos visualizar escenarios, personaxes e situacións, o que alimenta a nosa creatividade e inspira a pensar de maneira máis innovadora nas nosas propias vidas. Polo tanto, a lectura ofrécenos a oportunidade de gozar dos seus beneficios ademais de atopar pracer nela.

No caso das persoas autistas, poden atopar na lectura un refuxio seguro onde sentirse relaxadas, comprendidas e conectadas cos outros. Ademais, os libros poden ofrecer modelos de comportamento, emocións e relacións interpersoais que axudan a desenvolver habilidades sociais e emocionais. Os e as autistas, que a miúdo enfrontan dificultades na comprensión das sinalizacións sociais e emocionais, a lectura pode permitir identificar e comprender habilidades sociais e emocionais.

A lectura, nos pode proporcionar un momento de calma, o cal pode ser especialmente valioso para as persoas no espectro, quen a miúdo enfrontan desafíos no procesamento sensorial e na regulación emocional. Ademais, fomenta o adestramento en habilidades cognitivas como a concentración e atención.

No referente a intereses intensos e específicos, a lectura pode ofrecer unha forma de explorar e expandir os seus intereses, así como de expresar a creatividade. É importante destacar que, aínda que algunhas persoas TEA enfrontan dificultades en áreas como a comunicación e a interacción social, iso non limita a capacidade para gozar da lectura ou mesmo para escribir e crear historias. De feito, moitos autores e autoras autistas emergiron nos últimos anos, compartindo as súas experiencias e ofrecendo novas perspectivas ao mundo.

Alentando ás persoas con autismo a ler e escribir, non só estamos fomentando o seu desenvolvemento persoal, senón que tamén estamos promovendo a inclusión e a diversidade na literatura. Cada voz, cada historia, é valiosa e merece ser escoitada.

En resumo, o Día do Libro é unha oportunidade para celebrar a maxia da lectura e reflexionar sobre a súa importancia en todas as comunidades. Animemos a todos a abrir un libro, explorar os novos horizontes que nos ofrece e valorar o poder das palabras para transformar as nosas vidas.
 
 
 
 
 
Cristina Sánchez-Agustino Barcia, traballadora de ASPERGA, é licenciada en pedagoxía  e graduada en psicoloxía, cun mestrado en igualdade de oportunidad e formación do profesorado
 
 
 
 
 

Esta publicación forma parte do Proxecto Axenda de Contidos de interese dentro do Programa de Incidencia Social da Federación Autismo Galicia e forma parte da Estratexia para a Concienciación sobre o Autismo en Galicia.

 

 

Archivada en:
Infórmate > Noticias