Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 25/04/2024 | Autismo Galicia contribúe á capacitación do alumnado da Escola de Enfermería de Ourense, na comunicación e atención ao paciente con TEA.

Autismo Galicia contribúe á capacitación do alumnado da Escola de Enfermería de Ourense, na comunicación e atención ao paciente con TEA.

Mais de 50 futuros profesionais de enfermería de Ourense asisten ao curso de formación coa Federación Autismo Galicia.
 

25/04/2024

Cristina Couto, psicóloga e coordinadora de programas na Federación Autismo Galicia, foi a encargada de impartir un curso dirixido a estudantes da Escola de Enfermería de Ourense da Universidade de Vigo na docencia en saúde mental.
Máis de 50 alumnos e alumnas asistiron a esta actividade, que tiña como obxectivo principal promover o coñecemento sobre o Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) e abordar de maneira práctica as dificultades que enfrontan as persoas con TEA e as súas familias no acceso aos servizos sanitarios.
Durante a xornada, os estudantes tiveron a oportunidade de familiarizarse cos recursos e materiais da Colección de Saúde de Autismo Galicia que poden resultar útiles para pacientes con TEA, as súas familias e profesionais do ámbito sanitario.
 
Realizáronse dinámicas de Role play para reflexionar sobre o papel que desempeñarán como futuros profesionais, coñecer como detectar a través das ferramentas de cribado dentro do programa de vixilancia no neno san. Ademais de revisar iniciativas desenvolvidas en diversas áreas sanitarias dentro do programa de atención sanitaria e saúde da Federación Autismo Galicia, así como os programas da súa rede de entidades, destinados a mellorar os coidados de saúde das persoas autistas.
 
Destacouse a importancia de que, a través de estratexias e ferramentas sinxelas nas consultas, a atención e a comunicación, os profesionais de enfermería poidan mellorar o seu desenvolvemento profesional e ofrecer unha atención asistencial de maior calidade.
 
 
Financiado por: Convenio de Colaboración entre a Consellería de Sanidade- Servizo Galego de Saúde e a Federación Autismo Galicia para o desenvolvemento de actividades de formación, sensibilización e accesibilidade cognitiva no entorno sanitario.
 
 
 

 

 

 

Archivada en:
Infórmate > Noticias